Nos próximos días Agasex , Asociación Galega para a saúde sexual, levará a cabo uns obradoiros con cada un dos grupos de alumno/as de primaria sobre ó auto-coñecemento, a diversidade, a igualdade, a afectividade e a saúde sexual, impulsados pola ANPA e en colaboración co centro escolar, para deste xeito contribuír coa labor educativa das propias familias e do equipo docente.
Aínda que hoxe en día a rapazada posúe moitísima información ao seu alcance, moitas veces esta pode resultar confusa ou non recibirse dun xeito adecuado. Con frecuencia os rapaces e as rapazas medran adoptando unha visión da sexualidade coma un tema tabú, adoptando mitos, asumindo estereotipos e roles (como o do papel da muller), que se ven reforzados mediante os medios de comunicación e publicidade. Do mesmo xeito, é frecuente que entre a rapazada existan moitas dúbidas sobre os seus corpos, así coma dos cambios corporais que teñen ou terán lugar durante a puberdade e adolescencia, do proceso reprodutivo e da sexualidade.
Entendendo que a sexualidade abrangue non só o eido erótico, senón que é indisociable do compoñente afectivo e relacional; por este motivo traballamos as emocións, os sentimentos, as sensacións e as habilidades sociais e comunicativas, que son fundamentais para unha boa abordaxe da educación sexual.
Nestes obradoiros empregáranse exposicións teóricas acompañadas por diversos materiais audiovisuais, realízanse diversas actividades que favorezan a implicación do alumnado, a adquisición de coñecementos, e o intercambio de dúbidas e información.
CONTIDOS
Os contidos fundamentais que se abordaran, de forma específica e axeitada segundo cada nivel (idade) de cada curso:
– Os corpos: a diversidade de corpos, as cuestións fisiolóxicas, anatómicas e funcionais e os cambios corporais na puberdade.
– As presións diferenciais de xénero en relación á corporalidade
– Nocións básicas sobre a reprodución
– A hixiene corporal
– Xénero e Sexo: roles e estereotipos de xénero, diferencias e desigualdades.
– Identidades sexuais e orientacións sexuais
– A expresión dos afectos
– O autoconcepto, a autoimaxe e a autoestima
– Sexismo
– Violencia de xénero: que é e como identificala.
– Habilidades sociais e de xestión emocional.
OBXECTIVOS
O obxectivo principal destes obradoiros é favorecer un clima de confianza e de traballo en equipo que faga posible a análise da información e suscite o interese e a reflexión sobre a afectividade e a saúde sexual e reprodutiva, para favorecer en último termo a consecución dun estado de benestar físico, psicolóxico, social e sexual do alumnado.
Algúns dos obxectivos específicos son:
– Proporcionar información sobre os múltiples aspectos relacionados coa afectividade e a sexualidade.
– Motivar o rexeitamento a todo tipo de discriminación, marxinación e desigualdades.
– Cuestionar determinadas actitudes sexuais e afectivas (como poden ser as homófobas ou sexistas), potenciando a tolerancia e o respecto como base para unhas relacións positivas entre as persoas.
– Favorecer o coñecemento da propia sexualidade.
– Promover unha correcta expresión afectiva.
– Revisar e cuestionar mitos e conceptos falsos relacionados coa sexualidade.
– Previr os abusos sexuais infantís.
– Promover un autoconcepto corporal positivo e unha autoestima corporal alta.
– Favorecer a identificación das presións sociais para o axuste a un modelo de corporalidade irreal.
– Facilitar a comprensión da diversidade corporal como unha riqueza.
– Promover actitudes de respecto e empatía cara outras persoas con corporalidades que a sociedade considera como indesexables.
– Favorecer a adopción de conductas de coidado cara o propio corpo.
– Promover unha correcta expresión afectiva.
– Fomentar a adopción de actitudes e conductas respectuosas cara os demais e cara un/ha mesmo/a.
– Desenvolver habilidades sociais e comunicativas.