Un patio especial para un cole especial


Dende Acción Magistral pídennos unha entrada para o seu blogue, como proxecto seleccionado entre os gañadores. Aquí vos deixamos a versión en galego.

Un patio especial para un cole especial

Sabemos que o somos e témolo.

Explica a RAG “especial”

1. adj. Que posúe características particulares e distintas ás doutros.

O cole de Viñagrande ten un singular equipo docente que fixo posible o incrible. Emprenderon o camiño cara a un proxecto educativo propio, especial, bebendo de moitas fontes e adaptando as aprendizaxes de forma dinámica e constante á contorna e ás necesidades das nosas fillas e fillos.

Atraeron familias da comarca cunha visión do desenvolvemento infantil na que aprender é xogar, investigar, crear, conectar e gozar.

A tensión, a monotonía, a rutina, o aburrimento non xogan no noso patio.

As familias apoiamos as iniciativas e propostas do cole, gozamos e aprendemos ao seu mesmo compás coma se fósemos peques, e enriquecemos a vida da escola con miles de ideas orientados polo noso singular equipo docente que nos axuda a integrar as achegas na xornada escolar e tamén na vida extraescolar.

Dicía o Principiño “todas as persoas maiores foron nenos pero poucos o lembran”.

En Viñagrande si. Todos os días. Nin sequera no verán esquecémonos do cole, nin grandes nin pequenos. Seguimos traballando, aprendendo e gozando. Para as nosas fillas e fillos cada día é unha festa de compartir coa comunidade educativa do CEIP Viñagrande de Deiro.

Todos e todas en conxunto formamos un cole especial nun espazo que é a casa desta comunidade singular.

Pronto teremos, tamén fóra, música,  asemblea, arte, natureza, movemento e ritmo.

E ademais dun proxecto especial e singular, o noso patio, o da nosa casa, o noso cole, será particular.

E especial.